Sándor Márai | Herbario
Tradución do húngaro de Fernando de Castro
320 páxinas
ISBN 84-934801-2-6
19,50 €
Sándor Márai naceu en 1900 na cidade húngara de Kassa (actualmente Kosice, Eslovaquia). De familia burguesa, en 1918, trasládase a Budapest e despois a París e Alemaña, onde estuda xornalismo. Tras a ocupación soviética de Hungría, abandona definitivamente o seu país, onde o réxime comunista asfixia a súa obra, e inicia o seu exilio por diferentes países europeos, sempre en precarias condicións económicas. En Estados Unidos continúa o seu labor literario en húngaro, que é publicado por unha pequena editorial da comunidade de emigrantes húngaros en Toronto. Marcado polo trauma da separación da súa patria e a morte da súa muller e o seu único fillo, Sándor Márai suicidouse en 1989 en San Diego, California, pouco antes de que a súa obra fose descuberta para o gran público por unha editorial italiana.
Nunha ocasión, vendo como se desintegraba a clase media húngara na que el se criara, manifestou: "se cadra a única obriga da miña vida e o meu traballo coma escritor é elaborar o proceso desa desintegración".
"Este libro é coma os antigos herbarios que, con sinxelas mostras de herbas e plantas, intentaban ofrecer axuda para cada tipo de doenza: do mesmo xeito intenta este libriño ofrecer respostas a cuestións da vida tales como que facer cando nos rompen o corazón ou nos sentimos abandonados por Deus. Non exporá grandes ideas nin narrará proezas heroicas, senón todo aquilo relacionado intimamente co ser humano. O escritor, aprendendo, quere ensinar aos seus compañeiros de vida: aprendendo dos antigos, dos libros, e a través destes recoller as ensinanzas do corazón humano e dos sinais do ceo, quere transmitir coñecementos elementais da vida, como corresponde aos principios fundamentais da vida humana." Sándor Márai dedícalles esta obra, escrita en 1943, a Epicteto, ao seu querido Marco Aurelio, a Montaigne e a todos os estoicos, que lle aprenderon tanto sobre o poder e a importancia de levar unha vida con bo ánimo e libre de medos.
