Italo Svevo | Senectude

Tradución do italiano de Moisés Barcia

250 páxinas

ISBN 978-84-92866-19-9

18 €

De verdadeiro nome Aron Hector Schmitz, Italo Svevo naceu en Trieste en 1861, cando a cidade pertencía ó imperio austrohúngaro. En 1892 publicou a súa primeira novela, titulada Unha vida. Tras casar cunha prima súa en 1896, comezou a colaborar en distintos xornais, e publicou por entregas nun deles a súa segunda novela, Senectude (1898). A obra, publicada despois polo propio autor, acadou unha escasa repercusión e Svevo abandonou por completo a literatura para dedicarse exclusivamente ó comercio. En 1907 coñeceu a James Joyce, daquela exiliado en Trieste, e entre ambos os dous nacería unha fonda amizade. Volveu á literatura en 1919, ano no que comeza a escribir a súa terceira novela, A conciencia de Zeno, considerada como unha das obras mestras do século XX. Morreu en 1928.

Emilio Brentani, oficinista e escritor, está condenado a vivir baixo o sufocante ambiente provinciano da cidade de Trieste. Quere consolidar a súa carreira literaria, pero cada día cédelle máis terreo a unha realidade dominada pola culpa e un moralismo hipócrita. Vive coa súa irmá Amalia, pero cando esta se namora dun amigo seu escultor, Emilio sofre unha culpa que non pode sandar, porque tamén el está obsesivamente namorado de Angelina.

O máis importante desta sutil novela de Svevo ocorre sempre en secreto, entre as sombras, lonxe da consciencia. A senectude á que se refire o título é máis existencial que física. Para o protagonista, vivir é sufrir, e os momentos máis intensamente vividos da existencia son aqueles que remiten ó abandono, á traizón, á enfermidade e á contemplación da morte.