Julian Barnes | Arthur e George

Tradución do inglés de Xesús Fraga

424 páxinas

ISBN 84-934801-5-0

23,90 €

Julian Barnes (Leicester, Reino Unido, 1946) é un dos escritores máis recoñecidos da literatura británica contemporánea. Autor de nove novelas, entre as que se contan Metroland, Flaubert's parrot, England, England e Love Etc, tamén cultivou o relato curto (Cross Channel e The Lemon Table), así como o ensaio e o xornalismo (The pedant in the kitchen, Letters from London). Chevalier das Artes e das Letras, é un profundo coñecedor da literatura francesa e tradutor de escritores como Daudet.

Arthur e George nacen e medran no esplendor da Inglaterra vitoriana, pero case en mundos á parte: Arthur, nos soños cabaleirescos dunha estirpe de Edimburgo que vive horas baixas; George, entre a rectitude moral dunha familia que exerce o sacerdocio nunha pequena aldea de Staffordshire. Tímido e feble, conseguirá formarse como avogado e traballar en Birmingham, mentres que o teimudo Arthur consultará como doutor antes de converterse en escritor e crear o máis famoso detective de todos os tempos, Sherlock Holmes. Dous mundos illados entre si pero que confluirán cando acusen a George dun delito que non cometeu e Arthur trate de resolver o caso.

Escrita coa liberdade da imaxinación sobre o rigor dos datos pescudados, Arthur e George investiga as relacións entre a culpa e a inocencia, a fantasía e a espiritualidade, e o xeito que ten a vida de entremeterse nos soños. Julian Barnes desenterra un escuro caso real que lle serve para introducirse nos pensamentos de dúas persoas moi distantes entre si, pero que comparten a mesma preocupación polo que significa a identidade, a nación e as aspiracións vitais.