Michel Houellebecq | A posibilidade dunha illa
Tradución do francés de Isabel García Fernández
322 páxinas
ISBN 84-934801-6-9
21,90 €
Michel Houellebecq (Illa da Reunión, Francia, 1958), formouse como enxeñeiro agrónomo e traballou de informático antes de irromper nas letras francesas en 1991 cun ensaio sobre Lovecraft e no panorama literario internacional en 1998 coa súa segunda novela, As partículas elementais. Cunha prosa fluída e irreverente, cargada de ironía e de sarcasmo, Houellebecq afonda nos aspectos críticos da sociedade actual e provoca a reflexión sobre a crise na que está sumido o ser humano na actualidade. A posibilidade dunha illa é xa un éxito editorial a nivel mundial que confirma a existencia do chamado "fenómeno Houellebecq".
Daniel é un profesional de éxito no mundo do espectáculo, un humorista provocador de fama ambigua que narra en primeira persoa os últimos anos da súa vida. As súas experiencias no terreo amoroso e sexual, contadas cunha linguaxe moi gráfica, a súa relación coa seita elohimita, a súa resistencia a avellentar e a súa visión pesimista da nosa época constitúen o fío condutor da novela. A través do testemuño de Daniel e dos seus sucesores Daniel24 e Daniel25, ofrécesenos unha mirada provocadora da sociedade actual e unha hipótese de evolución da humanidade nos milenios futuros, invitándonos a reflexionar sobre a procura da eterna xuventude, a clonación, e a aparición das seitas como alternativa ás relixións tradicionais. Houellebecq, mediante un xogo de narracións paralelas de personaxes do presente e do futuro, suscita interrogantes sobre os puntos débiles da nosa sociedade, dando directamente onde doe.
