John Berger | Porca terra
Tradución do inglés de Xoán Abeleira
268 páxinas
ISBN 978-84-935375-9-3
18,50 €
Porca terra é o primeiro volume dunha das obras máis xustamente aclamadas do seu autor, a triloxía titulada Do seu labor, cuxos outros dous volumes son Outrora en Europa e Lilac e Flag. Se o primeiro aborda a vida labrega tal e como foi ata hoxe ó longo dos séculos, o segundo e o terceiro narran, con idéntica xenialidade, a emigración dos labregos ás cidades e o seu asentamento, tan desarraigante, nelas.
Composto alternativamente de relatos e de poemas, Porca terra é a celebración lírica e tráxica, asemade, dun xeito de entender a existencia que, ende mal, xa está a desaparecer para sempre. Malia estar baseada na vida dunha zona rural da Francia de finais do século XX, os personaxes, as tradicións e os labores evocados nesta obra gardan unha abraiante semellanza cos labregos do noso propio país.
O volume complétase cun “Epílogo histórico” no que John Berger explica, por unha banda, o universo e o xacer dos labregos, e, por outra, as causas polas que o capitalismo –e, en concreto, o da Comunidade Europea– teima, segundo o autor, en acabar con esta clase milenaria de “superviventes natos”.
Poeta, narrador, pintor, guionista e crítico de arte dunha lucidez extrema, John Berger naceu no 1926 en Inglaterra, onde estudou na St Edward’s School de Oxford e na Central School of Arts de Londres. Entre 1948 e 1955 traballou como profesor de debuxo e empezou a escribir artigos e ensaios que logo reuniría en senllos volumes titulados Roxo permanente e Arte e Revolución. A súa primeira novela, Un pintor da nosa época, causou tal rebumbio en Inglaterra que o editor se viu obrigado a retirala do mercado. Decidido a levar unha vida inconformista e a ser fiel ó seu “humanismo marxista”, Berger abandonou Inglaterra no 1962 e instalouse en Quincy, unha pequena vila rural da Alta Savoia. A partir de 1972, ano no que a súa novela G. obtén o James Tail Black Memorial Prize e o Booker Prize, a súa sona comeza a medrar xa en todo o mundo de maneira incuestionable, ata devir el mesmo nunha auténtica lenda viva. Entre os seus libros máis célebres, nos que adoita rompe-lo cerco dos xéneros literarios “canónicos”, áchanse Do seu labor, Xeitos de ver, Mirar, Outro xeito de contar, Cara á voda ou Foi aquí onde quedamos, sen esquece-los guións cinematográficos d’A salamántiga, O centro do mundo ou Xonás que cumprirá os vinte e cinco no 2000, películas todas elas dirixidas por Alain Tanner.
