Bohumil Hrabal| Eu servín ao rei de Inglaterra

Tradución do checo de Fernando de Castro García

260 páxinas

ISBN 978-84-936101-5-9

18,50 €

Co relato en primeira persoa dun aprendiz de camareiro no hotel Praga Dourada como fío condutor, Bohumil Hrabal preséntanos a historia de Checoslovaquia dende os anos anteriores á ocupación nazi ata a ocupación soviética e o comunismo, amosando o impacto que todos estes acontecementos tiveron nunha persoa que os viviu na súa propia pel.

As vivencias do protagonista, as súas primeiras experiencias coas mulleres, as ambicións profesionais, o intento de ascender socialmente simpatizando cos nazis, o matrimonio cunha alemá de raza aria, o pracer de construír unha fortuna e a amargura de perdela, todo isto cóntanolo Hrabal co seu persoal e orixinal estilo, cun humor que presenta a historia coma se fose unha fábula, con personaxes que parecen tirados de debuxos animados e cunha linguaxe coloquial de gran viveza e plasticidade.

Bohumil Hrabal (Brno, 1914-Praga, 1997) estudou dereito, historia da literatura, arte e filosofía. Obrigado a deixar a vida académica, pasou por diferentes empregos, nos ferrocarrís, nos telégrafos ou nunha planta de recollida de papel na rúa Spálená de Praga, experiencia que lle serviu de inspiración para esta novela. Entre as súas primeiras obras figura Trens rigorosamente vixiados, que foi máis tarde levada ao cine e premiada pola Academia de Hollywood. O mundo que describe Hrabal é ás veces triste; o seu estilo, moi vivo e peculiar, con longos períodos, que reflicten a corrente de consciencia dos seus personaxes cotiáns e marxinais, exemplos dunha realidade pouco idílica, xenios da vida corrente, mergullados nela e condenados por ela á insignificancia.

Bohumil Hrabal é considerado na actualidade un dos máis grandes escritores da literatura checa.