Sjón| Skugga-baldur
Tradución do islandés de Elías Portela Fernández
116 páxinas
ISBN 978-84-936413-9-9
14 €
Sigurjón Birgir Sigurðsson (Reykjavík,1962), máis coñecido polo sobrenome de Sjón, é un dos autores máis coñecidos e consagrados da literatura islandesa contemporánea. Polifacético e multidisciplinar, comezou a súa carreira literaria co libr de poemas Sýnir ('Visións') ós 16 anos e foi un dos fundadores do grupo neosurrealista Medúsa en 1979, converténdose dende moi novo nunha das figuras máis innovadoras do panorama intelectual. Dende entón leva publicados 11 libros de poemas e 7 novelas, ademais dalgunha incursión na música, no cinema, na ópera e realizado diversas obras infantís.
Con todo, internacionalmente é máis coñecido por compoñe-la letra dalgunhas das cancións máis emblemáticas da cantante Björk, entre elas o tema "Oceania", realizado para a apertura dos Xogos Olímpicos de Atenas, e por ser coautor da banda sonora do filme Dancer in the Dark, de Lars von Trier, nominada ós premios Oscar e Golden Globe.
As súas novelas Augu þín sáu mig ('Os teus ollos víronme') e Með titrandi tár ('Con bágoas tremelicantes') recibiron o premio cultural do diario islandés DV, e Argóarflísin ('A estela do Argos'), á súa vez, o premio á novela do ano da Asociación de Libreiros. Skugga-Baldur obtivo o premio de Literatura do Consello Nórdico no ano 2005 e foi nominada ó Premio de Ficción Estranxeira do periódico británico The Independent.
“O sábado 17 de abril do ano 1868 un enorme mercante encallou nos cantís de Önglabrjótsnef, na península de Reykjanes... Todo era tan formidable naquel balandro xigante, tan excepcionalmente estraño, que ninguén o crería se non o vise cos seus propios ollos.”
Un sinistro naufraxio trae a ledicia a unha vila do suroeste de Islandia, ó tempo que cambia a vida do xoven Fridrik B. Fridjónsson, un universitario bohemio residente en Copenhague, introducindo no seu destino o personaxe de Abba, a misteriosa rapaza con síndrome de Down e acusada de infanticidio que quedará baixo a súa tutela. Fridrik decide entón ficar no país natal e mudarse ó humilde eirado que lle deixaron seus pais na parroquia de Dalur. Alí chegará tamén pouco despois un novo párroco, o reverendo Baldur Skuggason, e aínda que as súas vidas non se han de cruzar demasiado, a figura do sacerdote será esencial para desvela-los misterios do seu fado.
Paralelamente a estes eventos, o desenvolvemento dunha cacería levará a trama a un nivel alegórico, abrindo un diálogo entre o cazador e o raposo, ou simplemente, entre home e natureza, cuxo desenlace restituirá a orde das cousas neste pequeno universo mítico “nas lindes do mundo habitable”.
O título de Skugga-Baldur: unha lenda islandesa remite ó nome dunha voraz criatura da mitoloxía nacional, xerada dun gato e dunha raposa, á vez que entrelaza as lendas populares co nome do reverendo Baldur Skuggason. O gusto persoal do autor polos subtítulos xoga coas expectativas do lector, levándoo a reconsidera-la tradición literaria e os seus valores, á vez que redefine o xénero e abre novas posibilidades na literatura islandesa.
Baixo o lema das Metamorfoses de Ovidio, “todo cambia, nada se destrúe”, Sjón fía unha historia inesperada en que personaxes e elementos adquiren constantemente un novo cariz e onde o mito e o romanticismo cobran a forma dunha obra literaria de vangarda.
