Sławomir Mrożek| O prezo da fama

Tradución do polaco de Paula Cancelas

224 páxinas

ISBN 978-84-92866-22-9

18,50 €

O escritor, dramaturgo e debuxante Sławomir Mrożek (Borzęcin, 1930) está considerado un dos autores polacos con maior recoñecemento internacional. En 1953 deu a coñecer os seus primeiros relatos, Opowiadania z trzmielowej góry (Relatos da montaña do abellón), mais foi en 1964, tras vivir fóra de Polonia, cando publicou Tango, obra teatral que axiña acadou fama en todo o mundo. En 1968 mudouse a París, e alí asinou unha carta de protesta contra a participación do exército polaco na invasión de Checoslovaquia. Este feito non agradou ao goberno do seu país, que lle ordenou regresar de xeito inmediato. Ante isto, Mrożek pediu asilo político en Francia, e as súas obras prohibíronse en Polonia. Esta censura non cesou ata a década de 1970. Na actualidade, Sławomir Mrożek reside en Niza (Francia).

O prezo da fama inclúe os relatos que Sławomir Mrożek escribiu a principios da década de 1990, polo que se trata da súa obra máis recente. Malia seren escritas hai vinte anos, o talento do autor logra que estas breves narracións queden chantadas nun espazo á marxe do tempo, o cal permite que sexan lidas dende unha perspectiva actual. Destaca o humor co que Mrożek desenmascara o primitivismo, o disparate e a fachenda absurda coa que todos actuamos en ocasións, ao mesmo tempo que desacredita os estereotipos do noso comportamento en sociedade.