Konstantinos Kavafis | Poemas Canónicos
Tradución do grego de Yolanda Vilarchao
184 páxinas
ISBN 978-84-935375-4-8
18,50 €
Konstantinos Petrou Kavafis naceu e morreu en Alexandría (Exipto), cidade da que só se ausentou durante dúas estancias en Inglaterra e en Constantinopla. Visitou Grecia só en dúas ocasións, mais Grecia foi, de certo, a patria do seu corazón, e o grego, a súa lingua poética.
Non obstante, foi a orientación sexual da súa temática amorosa o que relegou ao poeta a un segundo plano, case ao esquecemento, até ser rescatado pola crítica internacional a mediados do século xx e restituído ao lugar que lle correspondía: entre os grandes da literatura grega contemporánea.
Kavafis dedicouse a traballos de funcionario que apenas lle permitían subsistir. Publicou pouco en vida, mais preocupouse grandemente pola súa obra, sobre a que volvía unha e outra vez para corrixir, cambiar ou suprimir fragmentos. Estaba obsesionado coa calidade literaria e lingüística dos seus versos, como testemuñan os numerosos borradores que se conservaron dalgúns dos seus poemas.
A súa poesía fala de sentimentos, de amor prohibido, de amor non correspondido, de amor á beleza, da beleza mesma, da vida e da morte e do medo a ambas. Todo isto nun contexto social e urbano que reflicte a decadencia de Asia en Europa en cada poema coma se fose unha postal: un presente subxugado fronte a un pasado glorioso. Ademais, en cada postal está presente a súa preocupación polo mundano: o diñeiro, o desexo de fuxir da rutina gris e o paso do tempo e a perda da xuventude... Todo isto, omnipresente na súa vida.
Os poemas que compoñen esta edición son os chamados “poemas canónicos”: os que pertencen á escolma que fixo en vida o poeta, seguindo o seu gusto e baseándose nos seus propios canons de perfección e calidade.
