A mellor literatura do mundo
Rinoceronte Editora SL creouse en Cangas do Morrazo no ano 2005 como unha iniciativa do tradutor Moisés Barcia, á que se sumou de inmediato a súa amiga Penélope Pedreira. Moisés Barcia xa traducira para outras editoriais galegas obras como O señor dos aneis ou Oliver Twist, e a partir desa experiencia decidiuse que Rinoceronte traduciría ó galego literatura estranxeira, fundamentalmente recente, atendendo en especial a ámbitos culturais e lingüísticos dende os que nunca se importara nada á nosa lingua. Dese xeito, fomos os primeiros en traducir dende o finlandés, o húngaro, o xaponés, o islandés ou o hebreo. Dende o ano 2010 Moisés Barcia é o responsable único de Rinoceronte Editora, despois de que Penélope Pedreira se embarcase no novo proxecto de Edicións Barbantesa.
As nosas principais coleccións, Contemporánea, Clásica e Vétera, responden a un criterio cronolóxico e comprenden obras de narrativa posteriores a 1950, de 1800 a 1950 e anteriores ó século XIX, respectivamente. Hai tamén coleccións de peto, audiolibros e banda deseñada.
Na nosa selección de títulos tratamos de cubrir dúas vertentes: apostar por autores de calidade, aínda descoñecidos no noso contexto literario e cultural; e ofrecer obras de autores recoñecidos, recentes ou inéditas en galego.
Outro xeito de facer as cousas
En Rinoceronte dedicamos especial coidado ós nosos libros. Escollemos demoradamente os nosos títulos, os nosos tradutores, e queremos que os lectores dispoñan de toda información relativa ós libros que teñen nas mans: título orixinal da obra, data e lugar da primeira edición, quen o traduciu, quen o revisou, quen ilustrou a capa, quen o maquetou, quen o imprimiu, quen o encadernou, que papel se empregou e con que tipografía se compuxo.
Outro aspecto no que desexamos destacarnos é mantendo unha actitude empresarial ética: remunerando ós nosos tradutores segundo a tarifa proposta pola Asociación de Tradutores Galegos e doando o 5% dos nosos beneficios a proxectos de desenvolvemento no Terceiro Mundo.
Os libros de Rinoceronte comercialízanse nas librarías de toda Galiza a través de Distribucións Arnoia. Porén, tamén se poden adquirir doutros dous xeitos: solicitándoos por correo electrónico, e enviaranse sen custo de envío a calquera parte do Estado; e facéndose subscritor, co cal ademais do envío gratuíto se obtén un 15% de desconto e agasallos exclusivos.
Datos legais:
Rinoceronte Editora SLU
CIF: B-36.501.880
Inscrita no Rexistro Mercantil de Pontevedra
Tomo 3117 Libro 3117 Folio 209 Folla PO-38316 Inscrición 1
Enderezo: Avenida de Vigo, 103, galerías - 36940 Cangas do Morrazo
Teléfono: + 34 986 168 028 | Fax: + 34 986 168 031
Correo-e: info@rinoceronte.es
Xerente: Moisés Barcia
